Mostrando entradas con la etiqueta Receitas. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta Receitas. Mostrar todas las entradas

viernes, 14 de marzo de 2014

Filloas e orellas


A ver que tal se vos da a cociña, lingoretas! Alguén sabe como preparar unhas saborosas filloas? E unhas orellas?Non? Pois collede papel e lápis!

Filloas
Ingredientes
:
- 5 ovos
- 2 litros de leite
- 200 gramos de fariña
- un cacho de touciño
- sal
- azucre
Elaboración
Bate os ovos e mestúraos co leite e coa fariña, ata que quede feita unha crema líquida. Engade un chisco de sal. Colle despois o filloeiro ou unha tixola e úntaa con touciño ou graxa de porco. Reparte ben a crema líquida por toda a superficie, intentando que a filloa quede fina. Cando os bordos se despeguen sós, xa está dourada por un lado, así que dálle a volta ata que se doure polo outro.
Se as queres doces, coloca as filloas nun prato e bótalles azucre por riba.
Orellas
OrellasIngredientes
- 1 ovo enteiro
- 2 xemas e 2 claras montadas
- 1 vaso de leite
- medio quilo de fariña
- 100 g de azucre 
- 50 g de manteiga fundida 
- unhas pingas de anís 
- a rela dun limón
Elaboración:
Mestura todos os ingredientes nun recipiente ata conseguir unha pasta compacta que non se pegue nas mans. Tápaa e déixaa repousar unha hora. Despois colócaa nunha superficie con fariña e estira a masa o máximo posible, intentando que quede unha masa moi finiña. Córtaa en forma triangular ou de orella de porco e bótaa nunha tixola con abundante aceite quente (se é posible, de oliva). Cando estean douradas é que xa están listas. Retíraas a unha fonte e bótalle azucre por riba.
Mmmm, que rico! Esperamos os vosos comentarios, e se queredes tamén podedes traer a proba. Bo proveito!

martes, 12 de noviembre de 2013

Marmelo de mazá

Unha marabillosa receita con froita de outono!
Ingredientes:
- 1 kg demazás.
- 500 gr de azucre.
- líquido espesante.
Preparación.
Lávanse as mazás e pelámolas; cortámolas en anacos non moi pequenos e cocémolas nunha pota durante 30-40 minutos xunto co azucre.De vez en cando remexede, lingoretas, ou apegarase.
Logo de cocelas, pásanse pola batidora para eliminar calquera grumiño que quedase, e que teñan unha textura máis fina. 
Por último, botámoslle o líquido espesante, batímolo todo e metémolo en botes previamente esterilizados. E xa temos marmelo para o almorzo. Mmmmm, que rico!

Esterilización dos botes:
Antes de comezar a facer o marmelo, é interesante esterilizar os botes para evitar contaminacións. Ferveremos os botes 10-15 minutos en auga, e despois escurrirémolos ben ata que sequen sen tocar o interior.
Os lingoretas das Chans dámoslle as gracias a Rosana e a súa familia por esta receita tan rica. De seguro que a imos disfrutar.

martes, 15 de octubre de 2013

Receitas de outono

Que ben que xa chegou o outono! Pero de seguro que con este tempiño de chuvia non sempre podemos sair xogar fora. Velaiquí unha idea para poñer en práctica e que de seguro que vai gustar a toda a familia. Fagamos de cociñeiros! Ollo, sempre coa supervisión dos papás, os tíos, os avós...
Chulas de cabaza
Ingredientes (para 8 persoas)
  • 250 gr de puré de cabaza
  • 2 ovos
  • 30 gr de azucre
  • Unha chisquiña de canela
  • 50 gr de fariña
  • 1/4 de culleriña de levadura Royal
  • Azucre glasé para espolvorear (se non temos, serve o azucre normal)
  • Aceite de xirasol para a fritura.
Preparación
Asamos ou cocemos a cabaza, como prefiramos, aínda que asada solta menos auga. Unha vez teñamos o puré de cabaza listo, misturámolo cos ovos batidos, o azucre e o chisco de canela. Engadimos a fariña e a levadura, remexendo con un garfo ata que non haxa grumiños. 
Tapamos con papel film e deixamos repousar durante media hora mais ou menos. Despois deste tempo, a masa de seguro estará un pouco máis espesa. Remexémola un pouco para asegurarnos de que non quedan grumos no fondo.
Poñemos unha tixola ao lume, e cando o aceite estea quente, botamos porcións da masa con axuda dunha culler. As chulas estarán listas cando a masa estea un pouco dourada, así que moito ollo, cociñeiros!
Por último, sacámolas da sartén e poñémolas nun prato a arrefriar.( Podemos poñer papel absorvente na base do prato para eliminar o exceso de aceite.) Cando estean templadas, espolvoreamos o azucre e a larpeirar!