lunes, 27 de octubre de 2014

E xa chega o Samaín!

 https://blogger.googleusercontent.com/img/b/R29vZ2xl/AVvXsEjCXFzj7FUj6qndYBIBFJZVFJY_upCApQq_mQBs9UD0MTfBPn5AhimgFsfpqwYQxNCtOAhp1hOkIza0rXKUrsxQODjymAlsAmv1xOt8bTNsWc17_PI7LnqGVZsd1wX_vGfa5EBUDgyVPF6V/s400/calabaza_yaloveo.jpg
 E ven cargadiño de actividades! Aquí tendes o calendario semanal con todas as cousiñas interesantes que se van facer para que non perdades ningunha:
Martes 28: remata o prazo de entrega dos contos para o concurso de relatos terroríficos. Animádevos, que aínda tendes tempo!
Mércores 29:traemos as cabazas da casa para a exposición na ludoteca.
Xoves 30: visita arrepiante e guiada pola ludoteca para admirar as cabazas e pasar un pouquiño de medo; entrega de diplomas participativos; entrega dos premios do concurso de relatos aos mellores contos.
Mans á obra monstruíños, que hai moito que facer!

miércoles, 23 de abril de 2014

Letras Galegas 2014

http://www.diadasletrasgalegas.com/sites/diadasletrasgalegas.com/files/homenaxeados/jose_m_diaz_d_castro.jpg
O homenaxeado deste ano é Xosé María Díaz Castro, poeta orixinario de Os Vilares de Parga, Guitiriz (Lugo).
En 1946 publicou "Nascida dun sono" e "Nimbos", a súa obra máis importante.
Este poema é un dos máis coñecidos. Esperamos que vos guste:

Penélope. X. M. Díaz Castro

Un paso adiante i outro atrás, Galiza,
i a tea dos teus sonos non se move.
A espranza nos teus ollos se esperguiza.
Aran os bois e chove.

Un bruar de navíos moi lonxanos
che estrolla o sono mól coma unha uva.
Pro tí envólveste en sabas de mil anos,
i en sonos volves a escoitar a chuva.

Traguerán os camiños algún día
a xente que levaron. Deus é o mesmo.
Suco vai, suco vén, Xesús María!,
e toda a cousa ha de pagar seu desmo.

Desorballando os prados coma sono,
o Tempo vai de Parga a Pastoriza.
Vaise enterrando, suco a suco, o Outono.
Un paso adiante i outro atrás, Galiza!


Podedes contarnos que vos pareceu o poema. Lembrade que o noso blog aliméntase dos vosos comentarios.

martes, 1 de abril de 2014

Himno galego

Xa sabedes que os nosos símbolos de identidade son a bandeira, o escudo e o himno. Pero de seguro que necesitamos todos facer un repasiño á letra do himno, non si?
Gustouvos? Con subtítulos e todo, para que non teñades excusa! Saberiades dicirme quen é o autor do himno?

jueves, 20 de marzo de 2014

Un pouquiño sobre Rosalía

Rosalía de Castro de Murguía
Rosalía de Castro é unha das máis importantes figuras literarias de todos os tempos, e por iso o día das Letras galegas celebrase o 17 de maio; porque "Cantares gallegos" (a súa obra máis importante) foi publicada precisamente ese día.
Neste vídeo poderedes apreciar unha das súas poesías máis famosas:

Esperamos os vosos comentarios!

viernes, 14 de marzo de 2014

Filloas e orellas


A ver que tal se vos da a cociña, lingoretas! Alguén sabe como preparar unhas saborosas filloas? E unhas orellas?Non? Pois collede papel e lápis!

Filloas
Ingredientes
:
- 5 ovos
- 2 litros de leite
- 200 gramos de fariña
- un cacho de touciño
- sal
- azucre
Elaboración
Bate os ovos e mestúraos co leite e coa fariña, ata que quede feita unha crema líquida. Engade un chisco de sal. Colle despois o filloeiro ou unha tixola e úntaa con touciño ou graxa de porco. Reparte ben a crema líquida por toda a superficie, intentando que a filloa quede fina. Cando os bordos se despeguen sós, xa está dourada por un lado, así que dálle a volta ata que se doure polo outro.
Se as queres doces, coloca as filloas nun prato e bótalles azucre por riba.
Orellas
OrellasIngredientes
- 1 ovo enteiro
- 2 xemas e 2 claras montadas
- 1 vaso de leite
- medio quilo de fariña
- 100 g de azucre 
- 50 g de manteiga fundida 
- unhas pingas de anís 
- a rela dun limón
Elaboración:
Mestura todos os ingredientes nun recipiente ata conseguir unha pasta compacta que non se pegue nas mans. Tápaa e déixaa repousar unha hora. Despois colócaa nunha superficie con fariña e estira a masa o máximo posible, intentando que quede unha masa moi finiña. Córtaa en forma triangular ou de orella de porco e bótaa nunha tixola con abundante aceite quente (se é posible, de oliva). Cando estean douradas é que xa están listas. Retíraas a unha fonte e bótalle azucre por riba.
Mmmm, que rico! Esperamos os vosos comentarios, e se queredes tamén podedes traer a proba. Bo proveito!